O
proceso de aprendizaxe está mudando a pasos axigantados, e todo en
base á incorporación das novas tecnoloxías ás aulas. Neste artigo
queremos facer unha breve análise de todos eses cambios positivos,
mais citaremos, como non, algúns que mostren que hai aspectos nos
que non se está a avanzar axeitadamente. Comezaremos, porén,
degrañando polo alto o bo de aplicar os adiantos informáticos ó
ensino.
Partimos
de que as TICs supoñen unha revolución total da aprendizaxe, e
queremos citar alugunha das razóns que así o demostran:
- Os elementos visuais e auditivos presentes nelas facilitan a memorización, algo moi significativo porque cada alumn@ retén os coñecementos de distinto xeito.
- O feito de que a información se colgue en aplicacións nas que a extensión da mensaxe ten uns límites, implica que o alumnado debe traballar a súa capacidade crítica e de síntese, e aprender a resumir, a esquematizar e a asimilar, piares estes básicos do ensino. E isto ben se pode aplicar ó profesorado, porque cantas veces oímos dos nos@s alumn@s “Canta materia”, ou...“Que maneira de enrollarse”. Colgando a información nun blog, dando un caso concreto, alumnado/profesorado ten que ir á cerna do que pretende transmitir.
- Foméntase a creatividade, en canto que ó expor os coñecementos sempre se busca un reclamo “estético” que os faga máis agradables. Por exemplo, trabállase a creatividade se ó facermos unha presentación da obra poética de Manuel Antonio, incluímos debuxos, símbolos, figuras, imaxes, vídeos, etc. Teñamos en conta que @s nos@ pupil@ viven nunha sociedade onde non se está a valorar ese ingrediente, porque...por exemplificar o dito, xogando coa Nintendo non se demanda creatividade no xogador,, mais ben o automatismo.
- Pódense usar diversidade de fontes, e esa variedade fomenta algo do que xa falamos antes: a actitude crítica. Fabuloso!
- A comunicación entre alumnado-profesorado pode ter lugar fóra do horario escolar, co que o docente é quen de facer un seguimento máis preciso da aprendizaxe d@ nen@.
- Ó colgarse a información na rede, todos podemos aprender de todos, aínda que volvemos ó de antes; capacidade crítica para desbotar o “refugallo”!
- Existe a posibilidade de poder facer máis traballos de investigación e, polo tanto, aprender a aprender. En innumerables ocasións se nos di que o alumnado é demasiado pasivo no ensino convencional. Agora, pola contra, con todas as aplicacións que hai @s nos@ moz@ poden ser máis autosuficientes e “buscarse a vida” en wikis, blogs, dicionario virtuais, etc.
- Ter internet implica, ademais de ter acceso a moitísima información, poder usar aplicacións e programas gratuitos para os que non cómpre ser un informático.
- O profesorado pode xestionar mellor os seus cursos e apuntamentos, e volver usar en vindeiros anos o material creado. E o mesmo lle acontece ós nenos, porque os folios teñen unha vida máis perecedeira.
- Desenvólvese a intelixencia do alumnado: debe investigar por el mesmo, ten que refugar o espurio, ser crítico, etc.
- E, para pechar este bloque, aprender pode converterse nunha viaxe incomparable e con moitas sorpresas no camiño, para nós e para os nosos “tutorand@”, porque todo segue mudando e ofrecendo cada día centos de posibilidades que enriquecen a aprendizaxe.
Non
obstante, consideramos que tamén hai puntos negros en toda esta nova
dinámica do proceso educativo. Reflexionemos nalgúns:
- Facer un blog, unha timeRime, un glogster, unha presentación en powerpoint, un vídeo en openshot, etc. leva moito tempo, e non esquezamos que a pesar de sermos docentes, tamén somos fillos e fillas, pais, esposos e esposas, irmáns, persoas con tempo de lecer...é dicir, seres humanos que tamén queremos, e temos dereito, a VIVIR. Moitos dirán: “O tempo dá para todo”. Boa premisa esta se por momentos, ó noso antollo, se detivese.
- Como as aplicacións están acrecentándose deseguido, gústanos coñecelas para logo decidir se nos convencen ou non, pero iso implica dedicarlle tempo. Non nos estaremos ensarillando con tanta información, e dedicándolle menos tempo o realmente importante: ser bos docentes de lingua, literatura, ciencias,...?
- Relacionado co dito anteriormente, vénsenos outra pregunta á mente: sabemos realmente como sacarlle proveito a todos eses recursos?; abrimos blogs que logo non usamos máis, creamos timeRime que logo non levamos ás clases, etc., etc. Moitos semellamos algo desnortados en toda esta marusía virtual. Se callar nos falta esa capacidade de síntese que lle pedimos ós nenos e nenas. Pode ser.
- Danse as condicións óptimas para usar eses materiais virtuais? Non sempre porque hai colexios que non teñen suficientes ordenadores, profesores que non se reciclan, demasiados alumnos nas aulas, zonas do rural onde non hai boas conexións (por exemplo, onde eu exerzo, no Courel, e non quero oír saloucos seguidos de expresión do tipo “E que aí...!”. Son alumnos e alumnas que merecen as mesmas condicións de aprendizaxe, non si?, non se está a dicir que o rural se fomenta e protexe?).
- Hai moitos cursos sobre como usar as novas tecnoloxías, pero a ratio para entrar neles é ás veces moi limitada. E en moitas ocasións, unha vez feitos, saes coa dúbida de...”Como aplico o visto ó meu?”.
- Hai unha parte do profesorado que ante o avance imparable deste mundo, e polo medo ó cambio (en moitos sentidos somos moi inmobilistas aínda), hai xa tempo que perdeu o fío, e neste mundo o tren vai tan rápido, que como un bote moito tempo sen subir, acabará por non atopar nin a entrada Hai que, polo tanto, axudar máis ó profesorado a esfarangullar esta complexidade, a encauzar as inquedanzas, e a facilitarlle o acceso ó universo das TICs.
Na internet hai moita información sobre o tema abordado, mais remito a dous artigos moi esclarecedores a este respecto. O primeiro é de Rocío Martín-Laborda, e o segundo atópase no Cefore de Lugo.
A imaxe baixouse do banco de imaxes e sons do Intef.